ESQUERDA UNIDA DEFENDE O DEREITO A UNHA VIVENDA DIGNA DE TODAS AS PERSOAS
A vivenda é un dereito co que é indecente facer negocio
Resulta indignante que os grandes medios de comunicación e os partidos políticos maioritarios, envoltos no tedioso circo electoral de acusacións mutuas sen contido, gardasen silencio acerca do informe do observador da ONU Miloon Kothari sobre a situación da vivenda en España, presentado o 7 de febreiro de 2008. En tal informe constátanse importantes aspectos:
- máis dunha cuarta parte dos ingresos dos concellos españois proveñen da especulación inmobiliaria, pola vía primordialmente da dilapidación de patrimonio de chan público imprescindible para garantir o dereito á vivenda. O orzamento do Concello de Lugo, por exemplo, superou os 100 millóns de euros grazas a esta política.
- existen máis de tres millóns de vivendas baleiras nun país no que perto de oito millóns de persoas ven negado o seu dereito elemental a un teito. Na cidade de Lugo existen máis de 15.000 vivendas baleiras, máis de 1 de cada 4.
- as desgravacións fiscais para a vivenda en propiedade agravaron o problema e provocaron constantes elevacións de prezos.
- a inexistencia de parques de vivenda pública en aluguer.
- a especulación salvaxe das últimas dúas décadas, ademais de negar este dereito básico a millóns de cidadáns e xerar en cambio beneficios obscenamente multimillonarios para uns poucos, levou a unha destrución escandalosa do territorio e o contorno natural. O novo PXOM de Lugo contempla na súa memoria a construción de 76.000 novas vivendas, só en zona urbana; un plan continuista do PGOU elaborado polo PP a principios dos noventa.
O observador da ONU advirte de que a situación é insostible e reclama das autoridades españolas que informen á cidadanía da súa gravidade e se comprometan a aplicar medidas urxentes e drásticas para corrixila.
E a resposta das autoridades, das grandes partidos políticos e da inmensa maioría de medios de comunicación foi o silencio, un silencio culpable. Estes son os problemas sociais que os políticos deben discutir nas campañas electorais se non se quere que as campañas se conviertan nunha feira de vanidades e hipocrisías.
Aínda peor, o goberno do PSOE negocia co G14, o grupo representativo dos construtores e promotores inmobiliarios (os beneficiarios e causantes principais da catástrofe) medidas que freen as súas posibles perdas de beneficios pola crise do sector. É dicir, non lle preocupa o dereito á vivenda senón o lucro dos grandes capitalistas. Un feito semellante ao que sucede na nosa provincia.
Esquerda Unida quere elevar a súa voz xunto a todas as demais voces que denuncian o estado de cousas actual e comparte tanto o diagnóstico como as reivindicacións básicas que o movemento pola vivenda digna expón.
O único camiño para garantir o dereito á vivenda é o da constitución dun parque de vivenda pública en aluguer a prezos accesibles para todas as persoas sen ter que hipotecar a súa vida. É inaprazable acometer medidas audaces de uso social das vivendas baleiras como gravar con fortes impostos á vivenda vacante ou a expropiación de vivendas baleiras de protección oficial ou subvencionadas con diñeiro público por reducións fiscais, coas que se está especulando sen control algún. Faise necesario deter radicalmente o perverso proceso de urbanización salvaxe e proponerse unha mudanza de fondo do modelo produtivo destrutor da natureza e dos dereitos sociais. Débese abordar a política desenvolvida pola inmensa maioría dos concellos, entre eles o lucense, e deter a dinámica de dilapidación de patrimonio de solo público. Urxe unha reforma a fondo da fiscalidade das corporacións locais e garantir na práctica o cumprimento efectivo do mandamento constitucional de participación da comunidade nas plusvalías xeradas pola acción urbanística dos entes públicos. Hai que esixir un urbanismo integramente público.
A vivenda debe quedar fóra do mercado, porque a vivenda é un dereito co que é indecente facer negocio. Polo dereito a unha vivenda digna para todas as persoas, sigamos coa loita na rúa.
"86. A pesar de que en las disposiciones de la Constitución se reconoce que la vivienda es un derecho básico, en la práctica es considerada un simple bien de consumo, que se compra y se vende. En este contexto, debe recuperarse la función social de la vivienda y aplicarse plenamente el artículo 47 de la Constitución. Todos los sectores de la sociedad, incluidos los promotores inmobiliarios, los constructores, las agencias inmobiliarias, los grupos de la sociedad civil y otros agentes de los sectores público y privado, deben participar en la realización de este derecho humano básico".
Conclusión e recomendación recollida no Informe do Relator Especial da ONU, Sr. Miloon Kothari, sobre unha vivenda digna como elemento integrante do dereito a un nivel de vida digno, solicitada polo goberno español.
No hay comentarios:
Publicar un comentario