Mostrando entradas con la etiqueta COMUNICADOS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta COMUNICADOS. Mostrar todas las entradas

viernes, 7 de marzo de 2008

ESQUERDA UNIDA É O VOTO ÚTIL PARA POLÍTICAS DE ESQUERDA
Todos os votos de Esquerda Unida contan para acadar o 5% que permita a creación de grupo parlamentario.
Non deixedes de visualizar o video que se enlaza a continuación. Neste video demóstrase que o chamamento do PSOE ao "voto útil" en lugar de impedir o paso ao PP beneficiao en detrimento de Esquerda Unida.
http://es.youtube.com/watch?v=IAqk8w0KuuA

NECESARIA REFORMA DO SISTEMA ELECTORAL

Non existen sistemas electorais asépticos nin neutrais, e o sistema electoral español no é unha excepción. Foi elaborado no seu día para frear o ascenso electoral do PCE (Herrero de Miñón recoñeceu publicamente en xuño do ano pasado que se diseñou unha Lei electoral para prexudicar ao PCE) e aínda segue producindo o efecto para o que foi concebido. De feito, Esquerda Unida é a forza política máis prexudicada. Con este sistema, Izquierda Unida é a terceira forza estatal en votos con máis de 1.300.000 votos nas pasadas Eleccións Xerais de 2004, pero a sexta en número de escanos no Congreso.

A desproporcionalidade do sistema electoral é ben perceptible tendo en conta que os mellores resultados electorais de EU, acadados nas eleccións xerais de 1996, supuxeron 21 deputados malia ter conseguido o 10,54% (2.639.774 votos) que nun sistema proporcional resultarían 37 deputados. A correlación entre votos e escanos queda gravemente distorsionada, danando gravemente o principio de igualdade de voto que debe primar en calquera sistema electoral.

Adeais, o actual sistema electoral, desenvolto na Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral, orixina un gran número de votos perdidos, tendo un índice de proporcionalidade moi baixo e sobrerrepresentando ás provincias con menor número de poboación sobre o resto.

O sistema electoral debe propiciar unha composición política do Congreso dos Deputados que respecte a proporcionalidade dos votos. Tres son os cambios básicos que debera recoller a nova Lei Electoral:

1. Aumentar a 400 do número total de escanos. O art. 68.1 da CE permite ampliar a un total de 400 os escanos do Congreso. Isto, podería facilitar a igualación do valor de cada voto en relación coa conquista dun escano se combínase cunha distinta fórmula electoral. Así mesmo, hai que entender que a poboación nestes últimos anos foi en aumento e, desta forma, a representación será máis proporcional á poboación actual.

2. Que a comunidade autónoma sustitúa á provincia como circunscrición electoral.

3. Limitar o número fixo de deputados por provincia. Tendo como circunscrición electoral a provincia, actualmente a Lei Electoral fixa en dous o mínimo de escanos para cada unha delas. IU propón reducir esa cota mínima a 1 escano por provincia, pasando o resto a distribuírse en función da poboación. Así substitúese o ‘peso das hectáreas polo das persoas'.

miércoles, 5 de marzo de 2008

martes, 4 de marzo de 2008

Estación de Lugo

PROPOSTAS DE ESQUERDA UNIDA SOBRE O TREN

O ferrocarril é o medio de transporte motorizado máis sustentable. Se comparamos o tren co automóbil e o camión, o tren consume menos enerxía, xenera menos gases de efecto invernadeiro, produce menos ruido, ocupa menos solo e ofrece máis seguridade que a estrada a igual número de viaxeiros ou de mercadorías e a igual percorrido. Un dato: unha doble vía de ferrocarril ten a mesma capacidade de transporte que 16 carrís de autoestrada, e un tren de mercadorías de 450 metros transporta o equivalente a 20 camións de grande tonelaxe.

Destes datos, evidenciase que para reducir o consumo enerxético é imprescindible reducir o transporte por estrada (e por avión) e incrementar o transporte ferroviario.

Esquerda Unida-IU aposta polo transporte por ferrocarril, pero non por calquera tipo de transporte ferroviario. Actualmente debemos distinguir entre dous modelos de transporte ferroviario a "alta velocidade" e a "velocidade alta". O modelo de alta velocidade debe ser rexeitado porque é un modelo insustentable, elitista e non dá o servizo social que precisa Galicia.

Os trens de alta velocidade realizan un consumo enerxético desproporcionado e insoportable. O tren AVE que circula entre Madrid e Sevilla a unha velocidad máxima de 300 km/h e a unha velocidad media máxima de 209 km/h, ten unha potencia de 8.800 kW. Este tren AVE, con oito coches e dúas cabezas motrices e que transporta 329 viaxeiros, consume tanta electricidade, medida en kilovatios/hora, como unha cidade de 25.000 habitantes.

Con todo, o modelo de alta velocidade para Galicia non é tal porque, se realmente tivese os apeadeiros que se están a dicir, nunca acadará velocidades superiores aos 250 km/h que é cando podemos empezar a falar de altas velocidades.

Para acadar estas velocidades necesítase moito percorrido de aceleración para que o convoio alcance a alta velocidade e, por suposto, tamén para frenalo unha vez acadada as ditas velocidades.

Deficiencias do tren en Lugo

A rede ferroviaria de RENFE en Lugo caracterizase por ter os seguintes problemas:

a) As conexións co resto da Península son moi limitadas. Só quedan dous trens nocturnos: o Estrella Atlántico (que vai a Madrid) e o Estrella Galicia (que chega ata Barcelona). Os sábados non existe un tren que conecte Lugo coa Meseta.

b) Unha rede sen electrificar e sen doble vía.

c) Unha rede con pendentes pronunciadas; tódalas líñas contan con pendentes superiores ou iguais a 15 milésimas.

d) Unha rede salpicada por túneis e pasos a nivel.

e) Como consecuencia de todo o anterior, trátase dunha rede na que se desenvolven velocidades reducidas, con tramos nos que a velocidade máxima non supera os 80 km/h; todo isto penaliza os tempos de viaxe, facendo pouco atractiva a oferta de transporte de viaxeiros. A modo de exemplo, a velocidade comercial do servizo máis rápido entre A Coruña e Lugo é de 63 km/h. O servizo Lugo-Madrid emprega tres horas en saír de Galicia, cun cambio de máquina diésel a eléctrica en Monforte.

f) Unha rede especialmente sinuosa, incluso para a media peninsular, posto que inclúe aproximadamente o 40% das curvas de radio menor ou igual de 300 m e case o 20% das curvas de radio menor ou igual a 500 m de toda a rede de RENFE, sendo a súa lonxitude tan só o 7,2% do total.

Esquerda Unida considera demagóxica as promesas de PSOE, PP e BNG sobre un tren de alta velocidade que nunca chegará a Lugo; partidos que só se lembran do tren en campañas electorais mentres defenden un modelo desarrollista que con base en autovías e infraestructuras megalómanas que favorecen o crecemento do transporte privado fronte ao público. Incluso é unha incorrección denominar AVE á alta velocidade, cando é tan só unha marca comercial que nada ten que ver co que din proxectar.

PROPOSTAS

Considerando todo o anterior, Esquerda Unida propón:

- A construcción dunha liña ferroviaria Santiago de Compostela - Lugo - Ribadeo. Facilitaría o transporte colectivo reducindo enormemente o privado, permitiría unha ponte mái s pequena sobre o Miño, ademais do desenvolvemento turístico unindo os dous Patrimonios da Humanidade que hai en Galicia.

- Soterramento das vías na estación do tren.

- Iniciar o proceso de modernización do tren, electrificando a liña.

- Rexeitar o modelo de alta velocidade por ser elitista, insustentable e non vertebrador do país.

- Defender e apoiar as políticas e colectivos sociais que, coma nós, aposten por un ferrocarril público e social, seguro e sustentable.

- Aplicación das normas para que o transporte de mercadorías perigosas se realice por ferrocarril.

lunes, 3 de marzo de 2008

ENTREVISTA A ISABEL SÁNCHEZ
Luns 3 de marzo, a Cadena Ser entrevista á candidata de Esquerda Unida en directo no programa "Club de debate"
Horario: de 19:10 a 19:50

jueves, 28 de febrero de 2008

ESQUERDA UNIDA DEFENDE O DEREITO A UNHA VIVENDA DIGNA DE TODAS AS PERSOAS
A vivenda é un dereito co que é indecente facer negocio

Resulta indignante que os grandes medios de comunicación e os partidos políticos maioritarios, envoltos no tedioso circo electoral de acusacións mutuas sen contido, gardasen silencio acerca do informe do observador da ONU Miloon Kothari sobre a situación da vivenda en España, presentado o 7 de febreiro de 2008. En tal informe constátanse importantes aspectos:

  • máis dunha cuarta parte dos ingresos dos concellos españois proveñen da especulación inmobiliaria, pola vía primordialmente da dilapidación de patrimonio de chan público imprescindible para garantir o dereito á vivenda. O orzamento do Concello de Lugo, por exemplo, superou os 100 millóns de euros grazas a esta política.
  • existen máis de tres millóns de vivendas baleiras nun país no que perto de oito millóns de persoas ven negado o seu dereito elemental a un teito. Na cidade de Lugo existen máis de 15.000 vivendas baleiras, máis de 1 de cada 4.
  • as desgravacións fiscais para a vivenda en propiedade agravaron o problema e provocaron constantes elevacións de prezos.
  • a inexistencia de parques de vivenda pública en aluguer.
  • a especulación salvaxe das últimas dúas décadas, ademais de negar este dereito básico a millóns de cidadáns e xerar en cambio beneficios obscenamente multimillonarios para uns poucos, levou a unha destrución escandalosa do territorio e o contorno natural. O novo PXOM de Lugo contempla na súa memoria a construción de 76.000 novas vivendas, só en zona urbana; un plan continuista do PGOU elaborado polo PP a principios dos noventa.

O observador da ONU advirte de que a situación é insostible e reclama das autoridades españolas que informen á cidadanía da súa gravidade e se comprometan a aplicar medidas urxentes e drásticas para corrixila.

E a resposta das autoridades, das grandes partidos políticos e da inmensa maioría de medios de comunicación foi o silencio, un silencio culpable. Estes son os problemas sociais que os políticos deben discutir nas campañas electorais se non se quere que as campañas se conviertan nunha feira de vanidades e hipocrisías.

Aínda peor, o goberno do PSOE negocia co G14, o grupo representativo dos construtores e promotores inmobiliarios (os beneficiarios e causantes principais da catástrofe) medidas que freen as súas posibles perdas de beneficios pola crise do sector. É dicir, non lle preocupa o dereito á vivenda senón o lucro dos grandes capitalistas. Un feito semellante ao que sucede na nosa provincia.

Esquerda Unida quere elevar a súa voz xunto a todas as demais voces que denuncian o estado de cousas actual e comparte tanto o diagnóstico como as reivindicacións básicas que o movemento pola vivenda digna expón.

O único camiño para garantir o dereito á vivenda é o da constitución dun parque de vivenda pública en aluguer a prezos accesibles para todas as persoas sen ter que hipotecar a súa vida. É inaprazable acometer medidas audaces de uso social das vivendas baleiras como gravar con fortes impostos á vivenda vacante ou a expropiación de vivendas baleiras de protección oficial ou subvencionadas con diñeiro público por reducións fiscais, coas que se está especulando sen control algún. Faise necesario deter radicalmente o perverso proceso de urbanización salvaxe e proponerse unha mudanza de fondo do modelo produtivo destrutor da natureza e dos dereitos sociais. Débese abordar a política desenvolvida pola inmensa maioría dos concellos, entre eles o lucense, e deter a dinámica de dilapidación de patrimonio de solo público. Urxe unha reforma a fondo da fiscalidade das corporacións locais e garantir na práctica o cumprimento efectivo do mandamento constitucional de participación da comunidade nas plusvalías xeradas pola acción urbanística dos entes públicos. Hai que esixir un urbanismo integramente público.

A vivenda debe quedar fóra do mercado, porque a vivenda é un dereito co que é indecente facer negocio. Polo dereito a unha vivenda digna para todas as persoas, sigamos coa loita na rúa.

"86. A pesar de que en las disposiciones de la Constitución se reconoce que la vivienda es un derecho básico, en la práctica es considerada un simple bien de consumo, que se compra y se vende. En este contexto, debe recuperarse la función social de la vivienda y aplicarse plenamente el artículo 47 de la Constitución. Todos los sectores de la sociedad, incluidos los promotores inmobiliarios, los constructores, las agencias inmobiliarias, los grupos de la sociedad civil y otros agentes de los sectores público y privado, deben participar en la realización de este derecho humano básico".

Conclusión e recomendación recollida no Informe do Relator Especial da ONU, Sr. Miloon Kothari, sobre unha vivenda digna como elemento integrante do dereito a un nivel de vida digno, solicitada polo goberno español.

sábado, 23 de febrero de 2008

Isabel Sánchez, coa coordinadora nacional,Yolanda Díaz,
e o secretario de organización, Xabier Ron

PROPOSTAS E ALTERNATIVAS DE ESQUERDA UNIDA FRENTE AO "CIRCO ELECTORAL"

Neste inicio de campaña, unha vez máis, Esquerda Unida quere denunciar o déficit democrático existente na nosa sociedade relegando aos cidadáns e cidadás a meros consumidores de propostas peregrinas que se lle ocorren ao político de turno nun intento de gañar votos. Pero as propostas que intentan gañar un voto por catrocentos euros ou un cheque asistencial agachan algo moi perverso: a privatización dos servicios públicos e sociais, un fenómeno que está a xerar cada vez máis desigualdades entre ricos e pobres e unha bolsa de pobreza que cada vez se enche de máis colectivos.
Cando non se fala de política, cando se oculta a verdadeira política económica que se leva a cabo, cando interesadamente se desinforma sobre outras alternativas, o espello onde nos podemos mirar xa é unha sociedade onde se instala o bipartidismo, onde os políticos non falan, en serio, dos problemas dos traballadores/as, da carestía da vida, etc., senón que amosan diferentes "circos" para entreternos durante pensando que malos son uns e que "inxenuos" outros.
EU quere un debate de ideas, proxectos, cambiosque melloren a vida de todos e de todas e nos saquen deste retroceso que esta colocando ó ser humano por debaixo de calquera interés económico. As nosas propostas pretenden transformar unha realidade inxusta, que hipoteca as nosa vidas, que non nos deixa decidir sobre o noso futuro.
A nosa voz non pode calar que non é de esquerdas baixar os impostos. De esquerdas é loitar pola xustiza fiscal que permita promover políticas sociais de alcance universal. No último ano deixáronse de recaudar 6000 millóns de euros, en cambio a pensión media dun maior na provincia de Lugo é de 478 euros.
Non é de esquerdas limitar os dereitos e proclamar recoñecementos sobre o papel sen posibilidades de que se cumpran (as empregadas do fogar ainda están esperando, despois de tanto anuncio, a súa inclusión no réxime xeral da seguridade social). O que si é de esquerdas é impulsar os dereitos, e asegurar mediante os poderes públicos e os orzamentos necesarios o seu cumprimento. "Vivir mellor" non pode ser unha frase feita; para poder facelo os membros da comunidade deben poder acceder a unha vivenda digna, a unha educación pública, laica e de calidade e unha sanidade pública que necesita máis investimentos.
Semella que tampouco é demasiado de esquerdas flexibilizar e desregularizar o mercado laboral, así como privatizar os servicios públicos. Cando falamos de ser de esquerdas en materia laboral, falamos de asegurar o traballo estable con garantías laborais e sindicais, con salarios xustos e que respondan á de premisa igual traballo igual salario. En definitiva, con dereitos que fagan certo o de" traballar para vivir" e "non vivir para traballar".
Non podemos condear a millóns de persoas á irregularidade, ao medo permanente, a un mundo sen dereitos e dicir que facemos política de esquerdas. Pola contra, desde a esquerda debemos promover os dereitos humanos para todos e todas, porque "a Terra non ten dono e ningún ser humano é ilegal".
Non é de esquerdas facer unha política Internacional fundamentada na dobre moral do " non a guerra de Irak" pero sí "misión humanitaria en Afganistán".
Nada disto é de esquerdas, pero menos aínda é admitir o capitalismo como único sistema válido, fomentándose así a producción incontrolada, o consumismo e o desenvolvismo que aparte de xerar innumerables desigualdades sociais (paro, pobreza, violencia, desregularización, ...) destrúe o planeta; e sen nigún rubor a renglón seguido fálase de sostenibilidade e do protocolo de Kioto. Capitalismo e sostenibilidade son incompatibles. Partindo distos o que si é de esquerdas e o prantexamento de que debemos cambiar XA o modelo de producción e consumo antes de que nos engulla.
Para Esquerda Unida fundamental posibilitar a participación da cidadanía e profundizar na democracia, facendo que as institucións se abran a sociedade. Onde todos e todas sexamos cidadáns sen privilexios, cos nosos dereitos e deberes. Por esa razón unha vez máis pensamos que o modelo de Estado Federal e Republicano recollería e posibilitaría todo isto.

Isabel Sánchez Corral
PREVISIÓN ACTOS ELECTORAIS SÁBADO 23 DE FEBREIRO

12:30 SARRIA. Isabel Sánchez e outros integrantes da candidatura visitan Sarria e repartirán propaganda polo malecón e outras zonas da vila.

17:00 MONFORTE. Isabel Sánchez e outros integrantes da candidatura visitan Monforte e repartirán propaganda pola rúa Cardenal e outras zonas da vila.

miércoles, 20 de febrero de 2008

INICIO DE CAMPAÑA

A PARTIR DAS 23:30 DA NOITE NA PRAZA DE CAMPO CASTELO

UN INICIO DE CAMPAÑA CON ARTE E CULTURA

Instalarase unha carpa con música en directo e DJ
Un artista lucense realizará un mural en directo no que poderán colaborar os/as presentes


PEGADA DE CARTEL

Posteriormente, ISABEL SÁNCHEZ CORRAL, cabeza de lista pola provincia de Lugo, acompañada doutros membros da candidatura, militantes e simpatizantes de ESQUERDA UNIDA, realizará a pegada do primeiro cartel da campaña electoral