PRESENTACIÓN DOS 20 PUNTOS PARA UN PROGRAMA DE ESQUERDAS.
Hoxe presentamos en rolda de prensa as propostas alternativas de Esquerda Unida. Propostas de traballo nas que intentamos resolver os problemas dos cidadáns e cidadás. Para Esquerda Unida é fundamental que as persoas prevalezan sempre por riba do capital; non somos meros instrumentos nin meros consumidores. Por iso debemos voltar a voz ó pobo e dotarlo dos instrumentos necesarios para facer efectiva a democracia. Para elo desde Esquerda Unida apostamos pola reforma da Lei Electoral, garantindo así a representatividade e proporcionalidade dos resultados electorais. Pero tamén unha lei de Democracia participativa acompañada dun claro fortalecemento do movemento asociativo.
Destacamos algo para nós fundamental cando falamos de igualdade de oportunidades, que é unha fiscalidade xusta é progresiva, reformando o IRPF e redistribuindo a carga fiscal sobre quen gaña máis.
Polo de agora todos e todas dámonos conta dos beneficios que teñen para nós e para o conxunto da sociedade os servicios públicos: educación, sanidade, servicios sociais. Unha sociedade con cidadáns e cidadás formados para exercer os seus deberes e esixir os seus dereitos, unha sociedade sana, unha sociedade que coida dos seus maiores e que abandera a igualdade, será unha sociedade que avanza cara a xustiza e a igualdade, cara á integración dos máis desfavorecidos/as, unha sociedade en definitiva que rexeite todo tipo de violencia, tanto económica como as diferentes manifestacións desta.
Non podemos quedarnos impasibles ante a progresiva privatización do ensino e a sanidade. Pola contra, debemos profundizar na súa mellora e esixir ademáis un ensino laico e de calidade, unha nova Lei de Sanidade e, por suposto, a xestión pública dos servicios públicos.
Destacamos na nosa intervención de hoxe que para nós é urxente un plan contra a precariedade laboral. Que loite polo emprego estable, de calidade e a tempo completo. Queremos que se tipifique como delito o incumprimento sistemático e flagrante da Lei de prevención de riscos laborais. E non renunciamos á reducción da xornada laboral de 35 horas por lei sen reducción salarial.
Ademais, as mulleresos e homes e de EU temos un compromiso co noso entorno, co medio onde vivimos e co planeta. Sabemos que o binomio capitalismo-sostenibilidade é unha falacia. Debemos realizar xa un plan urxente contra o cambio climático e unha lei de aforro e eficiencia enerxética. O peche das centrais nucleares (plan para 25 anos). En Galicia isto pasa pola preservación dos espazos naturais, a recuperacion das rías, a ordenación do litoral e do territorio (apostando por infraestructuras menos dañinas como o tren). Non queremos plantas de gas nas nosas rías, nin furados nos montes debido ás explotacións mineiras; o que si queremos é unha alternativa ecolóxica a este problema.
Ainda que temos moitas máis propostas que seguiremos explicando, este primeiro achegamento fecharíase coa loita pola igualdade de dereitos reflectida nun Estado Federal, Republicano, Solidario e Laico, dotándonos dun instrumento de participación como é o referendo co que decidiriamos a forma política do Estado: Monarquía ou República.